O Concello, a Cámara de Comercio, Caixanova e VITRASA, presentaron o “tique bus comercio”, unha inciativa pioneira no noso país que ten como obxectivo facilitar as compras dos cidadáns e fomentar o uso do transporte público na cidade. Esta medida busca favorecer a mobilidade e o acceso do público en xeral a grandes áreas comerciais, centros comerciais abertos e comerciantes polo miúdo.
Os comerciantes poden mercar na Cámara de Comercio (R/ República Arxentina 18) tiques de viaxe en autobús a un prezo de 0,5 euros (fronte os 0,95 da tarifa ordinaria) e recibirán soportes identificativos.
Despois poderán obsequiar ós seus clientes con viaxes segundo un volume de compra que determinará cada empresa. Con este billete, que non ten data de caducidade, o cidadán pode viaxar gratis no autobús en calquera dos servizos.
O acordo, suscrito o 21 de xaneiro de 2005 entre o Concello de Vigo, as entidades cofinanciadoras do billete- Cámara de Comercio e Caixanova – e a empresa concesionaria VITRASA, permite poñer en marcha un servizo dirixido a tódolos cidadáns.